200 escolares da Pobra e Boiro participan na clausura de LudiEduca

BOIRO> Preto de 200 nenos participaron esta mañá no peche do programa LudiEduca que promoven Cruz Vermella e Jealsa en colaboración con colexios de Boiro e A Pobra. Contaron nesta xornada festiva coa participación do divulgador Rogelio Santos quen abordou a importancia de conservar o medio natural e promover unha economía sostible.

O Pazo de Goiáns acolleu esta mañá unha xornada de convivencia como peche ó programa LudiEduca que promove a asemblea local de Cruz Vermella de Boiro e Jealsa en oito colexios de Boiro e A Pobra. Preto de 200 rapaces de terceira de primaria participaron neste programa de educación en valores que acadou xa a súa decimo segunda edición.

A igualdade, a inclusión ou a conservación do medio natural conforman boa parte da programación destas sesións mensuais nas que os escolares teñen a oportunidade de incorporar estes valores á súa formación.

Durante a xornada de clausura, os participantes desenvolveron diversos xogos e actividades lúdicas e procedeuse ó fallo do concurso de debuxo sobre medio ambiente con Rogelio Santos como xuíz de excepción.