Volve o baloncesto despois de case un mes de parón

SALNÉS> Despois dun mes de parón, esta fin de semana volve o baloncesto. O Establecimientos Otero de Cambados visita a cancha do Obradoiro mentres que na Liga Femenina o Extrugasa xoga na casa. As de Tito Díaz reciben ó Girona coa vista posta na oitava victoria ligueira.

Co ano novo o Extrugasa non debe perder os vicios de 2010. Acostumadas a gañar, as de Tito Díaz queren seguir coa boa liña de resultados que colleitaron na primeira volta da liga e así atar a permanencia o antes posibles. E é que con sete victorias xa no seu haber, dúas máis nos vindeiros trece encontros poderían ser suficientes para acadar o obxectivo desta temporada, que non é outro que a salvación.

Mañá terán enfronte ó Girona, ó que xa foron quen de vencer no debut ligueiro. O cadro catalán suma cinco victorias e oito derrotas e colócase na zona morna da clasificación. Iso sí, o seu rendemento é mellor cando actúa coma visitante. A súa afección aínda non lles víu gañar porque tódolos seus triunfos chegaron en partidos fóra da casa.

Anna Caula dirixe a este equipo logo de que a directIva decidira desituír a Joan Carles Díez, algo que fala ben ás claras da exixencia que se marca o propio club. A portuguesa Sonia Borges e a americana Shea Warburton, son as súas xogadoras máis destacadas no apartado ofensivo.

Do lado local, poucas novidades. Con Vinuchalova xa recuperada dos seus problemas no xeonllo, tódalas xogadoras están en perfectas condicións para afrontar o choque que dará comezo ás sete da tarde.

No baloncesto masculino o Establecimientos Otero de Cambados busca a séptima victoria do ano para manter a cuarta posición da xeral. Diego Doval non poderá contar con Marc Martret, que cunha escordadura de nocello será baixa durante quince días. Pese á súa ausencia os cambadeses parten coma favoritos á victoria ante un rival que é penúltimo na xeral cun balance de tres triunfos en dez partidos.

Redacción Salnés