O Vilalonga visita en cadro o campo das Pardiñas

SALNÉS> Repasamos como se presenta a xornada futbolística da fin de semana. Na Terceira, o Vilalonga visita ó Somozas mentres que o Portonovo xoga na casa ante As Pontes. O máis destacado da Preferente será o derbi que disputen no Revel Sanxenxo e Céltiga.

O Vilalonga visita esta semana o sempre complicado campo das Pardiñas para enfrontarse a unha das revelacións da liga, o Somozas. Os de Nando iniciaron a temporada titubeantes, pero a partir da oitava xornada, unha gran xeira de resultados colócalles arestora con 29 puntos no sexto lugar. Pouco máis abaixo están os de Gabi Leis, que tras dúas victorias consecutivas deixan xa o descenso a dez puntos. O problema para o cadro celeste continúa a ser a falta de efectivos. As baixas de Leo e Nelo para esta fin de semana deixa ó equipo con once xogadores xustos, polo que Leis terá que tirar do xuvenil para completar a convocatoria.

O Portonovo xoga na casa ante As Pontes. O obxectivos dos de Molina sigue sendo facerse fortes en Baltar. Os portonoveses saben que pouco a pouco vaise rompendo a clasificación e que cantos máis equipos poidan meter na loita pola permanencia, mellor. O seu rival chega a este encontro tras tres semanas sen perder pero sabendo que nunca foi quen de gañar en Baltar.

Na Preferente Sur, gran partido o que se agarda no Revel entre Sanxenxo e Céltiga. A estadística dá un claro favorito: o conxunto local. Os de Calucho chegan a este encontro a dous puntos do ascenso e tras gañar sete partidos consecutivos na casa. Todo o contrario que o Céltiga. Este pode ser o derradeiro tren para o ascenso dos da Illa, que tras seis xornadas sen gañar, precisan unha victoria para sobre todo, devolver a tranquilidade a vestiario, directiva e afeccionados.

Novo partido na casa para o Arousa que comeza a ilusionar a súa afección. Dúas victorias seguidas aínda non lle sacaron do descenso, pero reforzaron a moral do equipo. O problema é que esta semana visita a Lomba o Pontellas, un conxunto que aínda non perdeu a domicilio e que loita polo ascenso. Miguelín, Camiño e Vichi son baixa nos de Lino González mentres que Ricardo podería desfrutar dos seus primeiros minutos no equipo. Por outra banda, o club deu a baixa a Fito, que abandona o equipo para enrolarse ó San Martín.

O Cambados, na mesma situación que o Arousa, recuperándose, buscará os tres puntos ante o Atios, coas baixas por sanción de Manu e Ricoy.

Por último, o Ribadumia recibe a visita do todopoderoso Lalín, o gran candidato ó ascenso na Preferente Sur. O conxunto de Peluso é o máximo goleador da categoría, polo que os de Ramiro Sorbet deberán empregarse a fondo se é que queren deixar os puntos na casa.

Redacción Salnés