![]()
O SALNÉS> Artes que ata o de agora non estaban reguladas, como a nasa para a centola, ou artes de enmalle como as volantillas, os volantíns,…
{flowplayer}images/salnes/decreto_artes_aparellos.flv{/flowplayer}
… a raeira e a rañica ou a gancha de pé xa son de uso totalmente legal. O Consello da Xunta aprobou hoxe o coñecido como decreto de artes e aparellos, que parte da Lei de Pesca 6/2009. A maiores incorpóranse de novo a forquilla, que levaba xa tempo prohibida, logo de constatar con varios estudios a súa viabilidade; e unifícanse as nasas da nécora e do camarón.
Neste documento tamén se establece unha nova clasificación de embarcacións en sete grupos distintos segundo o seu arqueo. Ademais permite traballar en tempo cualificado como de descanso en situacións especiais; compensándoo con xornadas de descanso en días laborables; ou mesmo manter as artes caladas no mar cando as condicións meteorolóxicas sexan moi adversas. Asemade, posibilita establecer cotas máximas de captura e a regulación de capturas incidentais cando o recurso o necesite, co que se poderán ir adaptando as normas a cantidade de recursos existente segundo a tempada.
O goberno galego presentou este decreto como un documento amplamente consensuado e debatido co sector; co que se pretende explotar de xeito racional e sostible os recursos mariños; ó tempo que se avoga pola maior rendibilidade destas actividades profesionais.
Redacción Salnés







