Ravella iniciará de inmediato o cambio de tuberías en Castelao

    saneamento_castelao100.jpgVILAGARCÍA> O Concello asegura que comezará de inmediato a renovación das redes de saneamento na rúa Castelao e aledañas.

     {flowplayer}images/salnes/saneamento.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA> A empresa adxudicataria das obras de urbanización da rúa Castelao e aledañas comezará de inmediato a renovación das redes de saneamento, tal e como se comprometeu a concelleira de Xestión do Territorio, Tania García, no último pleno. As obras realizaranse sen que supoñan un incremento no custe total do proxecto.

    Deste xeito, a concelleira desminte ao portavoz do Partido Popular, Tomás Fole, quen chegou a poñer en dúbida que esa actuación se fora a levar a cabo. ‘Dende que asumín esta concellería o primeiro que fixen foi revisar todos e cada un dos proxectos en marcha e, de acordo cos técnicos municipais, introducimos algunhas melloras nos mesmos. Polo tanto, non é que as tuberías de Castelao e Xeneral Pardiñas se vaian poñer porque o diga o señor Fole, senón porque a miña responsabilidade é que as obras non só queden ben dende o punto de vista estético, o cal é moi importante, senón dende a perspectiva de dotar á cidade dos mellores servizos, que é esencial’, indicou Tania García.

    Nesta intención de mellorar os servizos inclúese tamén a decisión de variar o proxecto de urbanización da praza de Ravella, engadindo a substitución da rede de saneamento, o mesmo que se fará co proxecto do último treito do río do Con, adscrito –como o de Castelao- ao programa Luz Salgada.

    OBRAS DE MATOSINHOS

    Outro dos obxectivos da concelleira de Xestión do Territorio, evitar as inundacións en Matosinhos e as rúas do seu contorno, está tamén xa valorado. Os técnicos avaliaron en 1,6 millóns de euros a cantidade necesaria para desenvolver o proxecto de ‘nova canalización do regueiro Santa Mariña no entorno da rúa de Matosinhos’.

    A Xunta de Goberno Local decidiu este martes adherirse aos proxectos de desenvolvemento local e urbano que a Deputación de Pontevedra presentará na convocatoria 2011 do Programa Operativo Rexional de Galicia (Fondos Feder). O compromiso de adhesión leva implícito que nos vindeiros presupostos municipais terá que consignarse unha cantidade de entre o 5 e o 10% do orzamento do proxecto de canalización.

    Redacción Salnés