Ribadumia lanza un plan personalizado para o pagamento das taxas municipais

RIBADUMIA> A partir do 1 de xaneiro, cada veciño de Ribadumia poderá escolle-lo xeito no que resolve-las súas obrigas tributarias, fraccionando o pago en función de cada necesidade. Quen se acolla a esta medida estará exento de xuros.

O pagamento dos impostos en Ribadumia nunca antes fora tan doado. O Concello lanza para o 2019 un plan personalizado, adaptado ás necesidades de cada veciño. A idea é que cada persoa escolla o xeito de cumprir coas súas obrigas tributarias: todo xunto ou franccionando os recibos.

A medida poderase aplicar ó imposto dos vehículos, ó lixo, o IBI urbano, o rústico e o IAE. O único que queda fóra sería o recibo da auga, por ter un custo variable. Este novo plan de pagamentos é posible grazas ó novo servizo de recadación municipal.

Durante estes días, o goberno local está a repartir por tódalas casas do municipio un documento informativo no que se aclaran as posibles dúbidas que este novo plan pode xerar entre os veciños. Quen estea interesado en acollerse a esta medida poderá solicitala ó longo de todo o mes de xaneiro.

Con esta medida, explican dende o Concello, conséguese alivia-la carga impositiva que adoita xuntarse no último trimestre do ano, xusto nun período de grandes gastos para as familias, co arranque do curso escolar e a chegada do Nadal.