Aparece un muro antigo a carón da torre de San Sadorniño

    muro100.jpgCAMBADOS> As mareas vivas dos últimos días deixaron ó descuberto, no contorno da torre de San Sadorniño, unha serie de pedras aliñadas

    … que poderían corresponder a restos dunha antiga construción das que existiran nesta zona.

    O arqueólogo municipal de Cambados xa ten coñecemento deste achádego e estase a facer unha avaliación do mesmo. O Concello vai remitir mañá unha comunicación urxente a Dirección Xeral de Patrimonio para que indique o procedemento a seguir neste caso, ante a posibilidade de que se trate dun descubrimento de interese arqueolóxico.

    Existen datos históricos datados no século XVI que refiren a presencia dun pequeno núcleo poboacional no illote onde se atopa a torre de San Sadorniño. Esta torre é unha edificación do século XI que formaba parte dunha rede de defensa creada en toda a liña costeira de Arousa polo arcebispo Xelmírez para alertar da presenza de invasores normandos que se dedicaban ó saqueo das poboacións costeiras. As torres de Oeste, en Catoira, a torre campanario de Cálago, en Vilanova, entre outras edificacións, tamén formaban parte desta aliñación defensiva impulsada pola Igrexa para defenderse das invasións por mar.

    Redacción Salnés