Céltiga e Arosa grandes beneficiados da xornada

SALNÉS> A gran nova da xornada é que o Arosa, tres meses despois, sae dos postos de descenso. Iso sí a costa do Ribadumia, que onte caeu fronte ó Gran Peña. O partido da xornada era sen dúbida o que enfrontaba a Céltiga e Cambados no Salvador Otero. Os tres puntos quedaron finalmente na casa.

Respiro para o Céltiga que afunde un pouquiño máis ó Cambados (2-0). Os visitantes dominaron no inicio aínda que non foron quen de reflectir esa superioridade no marcador ou en claras ocasións de gol. Pouco a pouco os da Illa foron meténdose no partido, impedindo que os de Oliveira combinasen con facilidade. No último treito do primeiro tempo e nos primeiros minutos da reanudación o Céltiga dispuxo de numerosas ocasións para desnivelar o marcador. Pero non o faría ata o final. A falta de dez minutos Nacho, cun disparo dende a frontal poñía o 1-0. O Cambados non puido reaccionar e acabou recibindo o segundo xa case co tempo cumprido, obra de Edu Veiga. Os da Illa collen aire antes de afrontar unha parte complicada do calendario mentres que o Cambados complícase a permanencia e terá a súa reválida o vindeiro domingo en Burgáns ante o Pontellas.

Tres meses despois o Arosa sae dos postos de descenso directo despois de golear a un candidato ó ascenso como o Verín por 4-0. Os de Lino González pasaron por enriba do seu rival nunha espectacular primeira parte na que Camiño e Ricardo, con sendos golazos, puxeron ó seu equipo en vantaxe. No segundo tempo o Arosa adicouse a saír á contra e cun gran traballo defensivo impedíu que o Verín tirase a porta en todo o partido. Camiño de penalti e Jiménez, mediado o segundo tempo, redondearían un resultado que ademais de servirlle para escapar do descenso, dálles moita moral ós vilagarciáns para o vindeiro encontro ante o Ribadumia.

Un Ribadumia que é o equipo que cae a postos de descenso directo logo de perder onte en Barreiro e pola mínima ante o Gran Peña. O solitario tanto de Martín ós 20 minutos decidíu. Desta volta os de Sorbet sí que o intentaron e tiveron ocasións como para merecer mellor resultado, que ó final non acadarían.

O Sanxenxo regalou un empate na casa ó Marín despois dunha mala primeira metade na que os visitantes fóronse ó descanso 0-2 grazas ós goles tempraneiros de Cerqueiras e Álex Cubas. Na segunda parte os de Calucho apretaron, fóronse con todo arriba e Cuchi e Cacheda puxeron o empate no marcador. O propio Cuhci tivo a oportunidade de culminar a remontada cun penalti que acabou atallando Vivar, o porteiro do Marín, que onte foi o mellor do encontro salvando ó seu equipo en repetidas ocasións.

Redacción Salnés