VILAGARCÍA> Vaia marabilla de festival de fin de curso que organizaron os nenos do colexio de Arealonga de Vilagarcía. Os rapaces, capitaneados pola súa mestra de música, demostraron todo o seu talento nunha divertida velada musical no auditorio da cidade. Moito ritmo e moito baile para despedir un intenso ano de traballo que agora chega ó seu fin.
Detrás do escenario os nenos e nenas do colexio de Arealonga danlle o último repaso ás súas coreografías antes de enfrontarse ó escenario e ó público. De nervios, pouca cousa, porque, segundo nos contan, levan tan aprendido o baile, que nada pode saír mal.
Aí os teñen… demostrando o seu talento nesta festa de fin de curso na que se implicou todo o centro, dende os de infantil ata os de sexto de primaria. Pasárono ben e bailaron, algún que outro clásico, deses de toda a vida, e tamén aquelas cancións que máis están a soar ultimamente. Neste caso, a escolla desta canción serviu para que os rapaces de quinto de primaria tamén tomasen conciencia da loita contra a violencia machista. Dende logo non hai como poñerlle ritmo ó verán despois dun intenso curso no cole, que chega xa ó seu fin.