Baltar e A Senra prepáranse para dous choques dramáticos

SALNÉS> Na Terceira esta semana descansa o Vilalonga mentres que o Portonovo xógase boa parte das súas opcións de permanencia mañá en Baltar ante o Pontevedra B. Ademais, a Preferente Sur deixaranos un máis que interesante derbi na Senra, entre Ribadumia e Arosa.

A marxe de erro cada vez é menor para un Portonovo que ten a salvación a cinco puntos. Ese obxectivo podería estar máis preto se gañan mañá ó equipo que precisamente marca a permanencia, o Pontevedra B. O certo é que, a falta de nove partidos para o remate, os de Jacobo Molina suman 21 puntos e deberían facer outros tantos para ter opcións. A boa nova é que a partir de agora enlazarán unha serie de encontros na casa antes rivais directos, e que ademais, por fin semella que as cousas comezan a funcionar en Baltar, despois de ter sumado catro puntos nos últimos dous partidos. Segura e Velay siguen a ser baixa nos locais, mentres que Ferreiro, aínda non se recuperou do golpe sufrido en Santa Comba e tamén se perderá o partido.

Dramático será tamén o choque entre Ribadumnia e Arosa na Senra. Un encontro vital para uns e outros. Os locais saben que non poden errar máis despois de tres semanas seguidas perdendo, unha xeira que lles levou a postos de descenso directo. De ahí saíu precisamente o Arosa, a semana pasada. Os de Lino González están a protagonizar unha remontada espectacular que lles fixo coller moita moral. O seu rexurdimento chegou nos encontros como visitante. Desta volta terá enfronte a un equipo que saca o 80% dos seus puntos na casa.

Nesa mesma loita por eludir o descenso atópanse outros dous equipos do Salnés. O Cambados recibe en Burgáns ó Pontellas. Os de Oliveira, que está sancionado, levan cinco partidos sen gañar e teñen que facelo xa aínda que sexa ante un equipo que se está a xogar o ascenso. Manu é baixa nos amarelos.

O Céltiga, sen Nacho, tamén viaxa a un complicado campo como o do Barbadás, coa intención de seguir sumando e recuperando posicións tras impoñerse a semana pasada no derbi.

O Sanxenxo, metido noutra loita, xógase boa parte das súas opcións de ascenso no José Argiz, anteo Verín. Os ourensáns chegan doídos pola goleada que sufriron o pasado domingo na Lomba mentres que os de Calucho non queren deixar escapar unha boa oprtunidade para seguir achegándose á cabeza da táboa.

Redacción Salnés