![]()
VILAGARCÍA> Xosé Castro Ratón e Ana Lorenzo reuníronse coa responsable da ONG no Salnés para estudar as necesidades do colectivo.
Durante a xuntanza mantida no albergue de transeúntes de Cruz Vermella en Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, Ana Lorenzo, números un e dous da lista do BNG ás municipais, e a responsable comarcal da ONG Marián Vélez, charlaron sobre os convenios de colaboración que na actualidade mantén o concello coa entidade. Uns acordos que están a funcionar de xeito satisfactorio, segundo os asistentes, pero que os nacionalistas se propoñen “potenciar nun futuro”. A vía: un aumento, “na medida do posible”, das partidas orzamentarias destinadas polo goberno local a entidades sociais como Cruz Vermella, coa fin de “poder atender ó incremento da demanda por parte de persoas e colectivos necesitados nestes tempos de crise”, afirman os nacionalistas.
Entre as observacións realizadas pola representante de Cruz Vermella salientou a petición de especial atención á xente nova, co impulso de programas relacionados co coidado da saúde e a prevención de condutas violentas, así coma o deseño de propostas de lecer atractivas para este colectivo.
As conclusións obtidas nestes encontro serviranlles ó BNG vilagarciá para perfilar o seu programa electoral no que respecta á área de benestar social.
Redacción Salnés






