A directiva do Portonovo non se presentará á reelección

SANXENXO> A actual directiva do Portonovo anunciou que abandonará o club ó remate da presente temporada. Tras catro anos ó frente, o último deles con Óscar García ‘Conde’ como presidente, os actuais dirixentes queren dar o relevo a un novo grupo de persoas para que tomen as rendas.

Catro anos foron dabondo para esta directiva que agora deixa o seu sitio a outros, principalmente porque remata a súa lexislatura e tamén polo cansancio que o cargo acarrea.

Por estes motivo Fernando Fraga deixara a temporada pasada a presidencia que ostentara durante tres anos, cedendo o seu posto a Óscar García "Conde". Cumprido o tempo, non renovarán o mandato e non se presentarán as vindeiras eleccións que poderían celebrarase incluso antes de que remate a presentes temporada. E é que o club convocou unha asemblea extraordinaria de socios para o domingo 3 de abril, na que se convocarán as eleccións así como tamén anunciarase o acordo acadado cunha empresa de autobuses coa que o Portonovo ten unha débeda económica.

A asemblea convócase con esta urxencia para tratar de que a nova directiva poida planificar co maior tempo de antelación a temporada que ven, na que semella que o Portonovo volverá a estar na Preferente.

De non revertirse nas últimas xornadas esta situación, o obxectivo deportivo non se acadaría, moi ó contrario que o económico, no que o club está ó día co pago das nóminas a xogadores e corpo técnico cando aínda está pendente de cobro case 30.000 euros por parte das institucións públicas. Polo tanto, cumprirán co presuposto marcado ó inicio de temporada.

Redacción Salnés