![]()
VILAGARCÍA> Segundo a concellería de Urbanismo, cinco informes de expertos recomendan cubrir o achádego como a mellor forma de conservalo.
{flowplayer}images/salnes/RESOLUCION_PASARELA_VISTA_ALEGRE.flv{/flowplayer}
A concellería de Urbanismo de Vilagarcía acaba de presentar o quinto informe que avala a decisión emitida hai dous meses polos técnicos de Patrimonio: a mellor forma de conservar os restos do antigo pasal de Vista Alegre é cubrilos co material extraído na escavación e seguir coa colocación do firme da rúa peonil. Este último documento foi solicitado a unha empresa da Coruña especializada en actuacións arqueolóxicas, tal e como lle pedira a Comisión pola Defensa do Patrimonio Histórico ó concello. A entidade, de carácter privado, esgrime, entre outras razóns, que os elementos achados non reúnen un interese específico para a súa museización.
Para poder atopar algún tramo cuberto co piso orixinal e no que se conserven os dous lados do pasal habería que realizar como mínimo tres catas. A coincidencia de criterios entre os tres arqueólogos consultados e os dous arquitectos son, para o concello, aval suficiente para continuar coa peonalización da rúa Arcebispo Andrade. Máis cando xa existe un tramo desa pasarela que queda á vista, onde empeza a ponte sobre o río do Con, e o prazo co que contan para rematar os traballos expira en mes e medio.
Logo desta comparecencia, a edil de Urbanismo mantivo unha xuntanza cos representantes da Comisión en Defensa do Patrimonio para comunicárllela decisión. Seguen sen estar conformes. Segundo manifestou a esta canle o seu presidente, Juan Carlos Portos, os informes presentados non son máis que documentos nos que unha serie de expertos ofrecen a súa opinión. O único que para eles ten relevancia e é vinculante é o emitido por Patrimonio nun principio, e nel, aseguran, ofrecía as dúas opcións: tapar os restos ou poñelos en valor. A Comisión segue defendendo esta última postura. Acusan ó goberno local de non ter vontade política, por iso, levarán unha moción ó vindeiro pleno no que pedirán que tódolos representantes da corporación se pronuncien.
A concellería de Urbanismo non pecha a porta a esta futura posta en valor dos restos, pero déixao en mans do vindeiro goberno, xa que sostén que levantar un par de lousas para realizar as catas será menos malo que manter levantado o pavimento da rúa cas obras sen rematar cos riscos que supón para os viandantes.
Redacción Salnés






