A reforma do Cine París máis preto a través dun convenio co COAG

cineparis.jpgMUROS> O concello asinou un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para sacar a concurso público a rehabilitación do antigo Cine París.

{flowplayer}barbanza/rehabilitacioncineparis.flv{/flowplayer}

A rehabilitación do emblemático cine París está máis preto de ser unha realidade. Trala compra do inmoble grazas ás achegas do Ministerio de Cultura e a Deputación da Coruña, o concello iniciou o concurso público para adxudicar a redacción do proxecto mediante un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia que xa procedeu a redacta-lo prego de condicións técnicas.

O proxecto contemplará a creación dun auditorio multifuncional con capacidade aproximada para douscentos espectadores e flexibilidade para converterse en sala de exposicións.

Recuperacíón do pasado

O decano do Colexio de Arquitectos destacou a aposta pola rehabilitación como xeito de preservar a memoria ó tempo que se aproveitan as instalacións xa existentes que forman parte da historia da vila, como é o caso deste cine construído nos anos 20.

Financiamento

Mentres o procedemento do concurso segue adiante, o concello segue a buscar financiamento para acometer a rehabilitación. Xa conta cunha achega de cincocentos mil euros do Ministerio de Cultura. Para conseguir os catrocentos mil restantes xa iniciou as conversas coa Deputación e a Xunta de Galicia.

Redacción Barbanza