BOIRO> Boiro vén de sacar a licitación as obras para a mellora e adaptación do Centro Arqueolóxico de Neixón.
O importe total do proxecto ascende a preto dos 63 mil euros e está cofinanciado pola Axencia Galea de Turismo, a través das actuacións para o embelecemento do litoral no marco dos fondos NextGeneration.
O proxecto contempla unha actuación en dúas fases con obras tanto no interior coma no exterior do edificio para mellorar a accesibilidade e eliminar as filtracións de auga, así como o acondicionamento integral do espazo da antiga cafetería para crear alí unha sala de proxeccións.
As empresas interesadas en participar no proceso de contratación deben presentar as súas ofertas mediante a Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo remata o vindeiro 9 de setembro.
Segundo informaron fontes municipais, a esta actuación sumaráselle tamén outra destinada a ampliación de espazos para albergar os fondos museísticos por un importe duns dez mil euros.