![]()
RIBEIRA> O novo Plan de Ordenación de Corrubedo porá fin ós complicados trámites administrativos para levar a cabo propostas urbanísticas na zona.
O candidato polo partido popular á alcaldía de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas explicou a situación na que quedarán os núcleos de poboación situados no contorno do Parque Natural unha vez se aprobe o novo Plan de Ordenación de Recursos Naturais da Xunta. Con estas aclaracións quixo saír o paso do que considera é unha campaña de desinformación por parte dalgunhas agrupacións políticas do municipio.
Dificil adaptación
O goberno galego, dende a Dirección Xeral de Conservación da Natureza en coordinación cos técnicos que preparan o Plan Xeral de Ordenación de Ribeira, traballa na elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Naturais para o parque natural de Corrubedo. O plan actual, en vixencia dende o ano 1992, ten unha difícil adaptación ó novo marco normativo da Lei de Patrimonio Natural e da lei do Solo, o que está a crear, segundo explicou Manuel Ruiz Rivas, inseguridade xurídica en cuestión urbanísticas entre os residentes na contorna do complexo natural.
{flowplayer}barbanza/ruizrivasparquenatural.flv{/flowplayer}
O novo documento porá fin a esta problemática rematando cos complicados trámites administrativos que na actualidade se precisan para levar a cabo calquera proposta ou reforma urbanística na zona.
Posta en valor
O novo plan especial definirá polo miúdo o réxime de usos do solo o que permitirá poñer en valor o parque e que os residentes aproveiten o potencial económico que xera este espazo natural, que pasa por ser un dos máis visitados de Galicia.
Segundo explicou Ruíz Rivas, o novo documento podería estar rematado no segundo semestre deste ano.
Redacción Barbanza









