Abal e Suárez completan un excelente Cpto. Galego

SALNÉS> Durante estes días celebrouse en Padrón o Campionato Galego Absoluto. Varios xogadores do Fontecarmoa vilagarcían acudiron á cita e como xa é costume os xóvenes xogadores Lucas Abal e Julio Súárez, clasificáronse entre os mellores.

Nove xogadores do Club Xadrez Fontecarmoa disputaron en categoría absoluta o Campionato Galego que se celebrou durante estes días en Padrón.

Nesta a máxima categoría, reuníronse boa parte dos mellores xogadores galegos ata completar a centena de participantes, sendo o club vilagarcián o que máis xadrecistas desprazou á cita.

Así as cousas, seguindo o proxecto de adestramento das súas xóvenes promesas, o Fontecarmoa incluíu nesta categoría ós infantís Lucas Abal e Julio Suárez, e ningún deles defraudou. Os dous rendiron a un extraordinario nivel para colarse nos postos de honra da clasificación final. Lucas Abal finalizou 10º logo de sumar 5 puntos dos 7 posibles, mentres que o seu compañeiro Julio Suárez foi 12º, tras ter sumado medio punto menos. Ambos competiron contra xogadores moi superiores en ranking, o que lles fará acadar unha boa renta de puntos no seu Elo Internacional.

Tamén fixo un bo torneo o xogador, xa en idade absoluta, Gonzalo Bouza-Brey, que foi vixésimo con 4 puntos, quedando por diante dos seus compañeiros Gustavo Ortiz e Ramón Torrado, que conseguiron 3,5 puntos. Xa na zona media da táboa finalizaron con 3 puntos o resto de xogadores do Fontecarmoa: Adrián Montáns, Javi Otero, Alberto Fandiño e Samuel Charlín. A victoria final foi a parar a mans do Mestre Internacional Diego Espiñeira.

Terminados os campionatos galegos e a liga regular, a actividade do Xadrez Fontecarmoa centrarase no inicio del Circuito Galego de Promoción, que dará comezo o 7 de maio na Guarda, para seguir o 14 co torneo de Santa Rita, coorganizado polo propio club coa Fundación Deportiva vilagarciana.

Redacción Salnés