SALNÉS> Ferrol acolle esta fin de semana o Campionato de España de Bateis no que participarán 31 embarcacións galegas. De todas elas tres serán de clubs do Barbanza e sete en representación do Salnés despois da clasificación do xuvenil masculino de Vilaxoán pola renuncia da Federación Asturiana.
O Club de Remo A Cabana será o encargado de organizar xunto a Federación Española o Campionato Nacional de Bateis. Terá lugar esta fin de semana, sábado pola tarde e domingo pola mañá, na Ría de Ferrol.
Despois da disputa dos campionatos rexionais e trala renuncia de varias tripulacións asturianas, a Ría de Arousa estará representada con dez embarcacións. Da beira norte competirán Rianxo, en xuvenil masculino, e Cabo de Cruz en cadete masculino e femenino absoluto.
Máis numerosa será a representación do Salnés con sete embarcacións. Mecos estará representado polo seu conxunto infantil masculino. Amegrove acudirá á cita con tres bateis, incluíndo o senior masculino. Os de Porto Meloxo tamén acudirán a Ferrol coas promesas femeninas e os cadetes.
Vilaxoán foi o máis beneficiado das renuncias chegadas dende Asturias e meteu a última hora á súa tripulación xuvenil masculina, que fora quinta no galego. Tamén estarán representados no xuvenil femenino, unha proba que será eminentemente galega, unha repetición da final do rexional logo da renuncia do resto de federacións. O club vilagarcián tamén loitará polo título en Promesas Femenino, na que será a edición número 68 do Campionato de España de Bateis.
Redacción Salnés