VILAGARCÍA> Ultímanse os preparativos de cara o inminente comezo da Arousa Futbol 7. Volve un dos torneos alevíns máis importantes do continente co concurso de Real Madrid e Barcelona, como conxuntos máis destacados. Os equipos comezaron a chegar hoxe á capital arousá.
O venres a partir das 16:00 comeza o espectáculo no campo da Lomba. A Arousa Futbol 7 reúne a 16 das mellores canteiras do continente.
Os equipos irán chegando pouco a pouco entre hoxe e mañá. Para esta noite prevese o desembarco en Vilagarcía dos conxuntos foráneos, Inter, Benfica, Paris Saint Germain e Totenham, así como do Sevilla. Mañá farano o resto das expedicións.
Agárdase cheo nos graderíos para as tres xornadas. Nas dúas primeiras, venres e sábado, levarase a cabo a fase de grupoS e os oitavos de final, quedando para o domingo os cuartos, semifinais e final.
Así as cousas, no ‘Grupo A’ competirán Inter de Milán, Español, Celta e Pabellón; no ‘B’, París Saint Germain, Sevilla, Deportivo da Coruña e Ponte Ourense. Un dos máis interesantes será o ‘C’ porque Real Madrid e Barça atópanse na primeira fase; xunto a eles estarán Benfica e Areosa. Completando a lista, no ‘Grupo D’ quedarán Totenham, Orillamar, Atlético de Madrid e Valencia CF, que defenderá o título colleitado na edición de 2008.
Este ano, a organización víuse na obriga de apurar o calendario de partidos e por iso non se celebrará a tradicional recepción no concello. Sí que terá lugar unha cea para os representantes dos diferentes clubes o propio venres ás 22:30, nun coñecido restaurante de Vilagarcía.
Entre os persoeiros que presenciarán o torneo in situ, ademais das autoridades políticas, estarán o subdirector do Diario Marca, Juan Ignacio Gallardo, e o Secretario Xeral da Federación Española de Futbol, Jorge Pérez. Os xornalistas Gaspar Rosety e Santiago Segurola poderían tamén acudir á Lomba.
Noutro orde de cousas, o director do torneo Manuel Diz, confirmou a Canalriasbaixas o inicio das conversas coa Federación Española de Futbol para tratar de traer á Lomba un partido das categorías inferiores da selección española. O mes de setembro a absoluta xoga un encontro de clasficación para o Mundial de 2010 na Coruña, no Estadio de Riazor e ante Bélxica, e esa data podería ser a dun hipotético partido en Vilagarcía da sub-21, aínda que segundo Diz, non hai nada avanzado.
Redacción Salnés