O Arosa busca unha victoria que pode axudar ó Sanxenxo

SALNÉS> Sen dúbida o máis interesante da xornada será ver o que acontence na Preferente Sur nesa loita pola permanencia e, como non, no duelo entre Sanxenxo e Lalín. Na Terceira o Portonovo recibe ó Ordes mentres que o Vilalonga visita ó Mesón do Bento.

Coa tranquilidade que dan os 47 puntos sumados o Vilalonga visita ó Mesón do Bento, un equipo que aínda ten que atar a súa permanencia. O rival dos celestes é o indiscutible rei do empate. Dos 33 encontros que leva disputados en liga fixo táboas en 17 deles, máis da metade.

Tamén se xoga máis o Ordes no encontro no que se enfronta ó Portonovo. Os locais xa están descendidos e o único que lles queda é despedirse do xeito máis digno posible da categoría. Pola contra, os de Míchel Alonso están a tres puntos do cuarto posto e aínda teñen opcións de ascenso. Jacobo Molina non poderá sentarse no banquiño local por sanción.

O interesante da xornada chegará na Preferente Sur onde dous equipos do Salnés poden dar esta fin de semana dous pasos de xigante para cumplir as súas aspiracións. Un deles é o Arosa, que sabe que cunha victoria máis sumaría 48 puntos e tería a salvación moi preto. O seu rival, o Nigrán, xa non é o equipo que arrasou de decembro a marzo. Sen embargo estase a xogar o ascenso e non pode permitir que o Sanxenxo se vaia a seis puntos a falta de tres xornadas.

Por iso os de Calucho loitarán ante o Lalín sabedores de que unha victoria súa e outra do Arosa na Lomba poríalles con pé e medio na Terceira. Pero no vestiario do Revel non se quere falar de “posibles” e sí centrarse no duelo ante o líder, que tamén precisa dun punto para asegurar o seu ascenso matemático.

Esta xornada é vital para outros dous conxuntos do Salnés. O Cambados precisa gañar en Verín para seguir escapando da zona baixa mentres que o Ribadumia xógase media permanencia na Senra ante o Porriño, nun partido que se prevé moi duro.

O encontro máis plácido vaino xogar o Céltiga. Os de Núñez , iso sí, marcáronse como obxectivo de aquí ó remate sumar 60 puntos, polo que irán a polo triunfo. O domingo xogarán ante un Pontellas que xa quedou descolgado da pelexa polo ascenso.

Redacción Salnés