Comeza en Lousame unha nova edición dos Espazos de Familia

    LOUSAME> Este luns comezaron en Lousame os Espazos de Familia. Esta iniciativa pretende crear un punto de convivencia para pais e nenos nos que compartir experiencias e avanzar nos distintos aspectos educativos. Once familias participan nesta segunda edición do programa promovido polo concello de Lousame. Os espazos para familias ofrecen ós pais de nenos de entre cero e tres anos un punto de encontro nos que abordar distintos aspectos relativos á educación e ó desenvolvemento dos nenos. As familias reuniranse de xeito semanal para compartir experiencia guiados por unha psicóloga infantil. Ademais da sesión grupal, disporán de titorías individualizadas para abordar aspectos concretos da súa unidade familiar. O éxito da primeira edición do programa animou ó concello de Lousame a repetir. Do total de quince prazas xa hai once cubertas. Así que as familias con nenos pequenos ou aqueles que estean a piques de converterse en pais aínda están a tempo de participar.