A consellería do Mar e Agalcari renovan o seu convenio de colaboración

    RIANXO> O acordo asinado esta mañá en Rianxo ascende a uns 28 mil euros e permitirá a dinamización e o fomento da construcción de embarcacións en madeira. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, Ramón Collazo, foron os encargados de asinar o convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades, que posibilitará a realización de distintas actividades de dinamización e fomento da construción de embarcacións de madeira. No acto, que se desenvolveu nas propias instalación de Asteleiros Catoira, situado no porto de Rianxo, participou tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen destacou a importancia do acordo, non só polo aspecto económico, senón máis ben pola necesidade de seguir apostando por esta forma de traballo artesanal e respectuousa co medio ambiente. Dende Agalcari agradeceuse a achega da Xunta, uns 28 mil euros que serán destinados á organización de diferentes eventos promocionais da carpintería de ribeira coma o congreso que vai ter lugar o próximo mes de outubro en Rianxo sobre construcción naval en madeira. Ramón Collazo tamén aludiu á necesidade de seguir apostando pola competitividade do sector co impulso do regulamento, actualmente en marcha, para conseguir un selo de calidade de construcción da carpintería de ribeira galega. Tamén avogou porque os barcos de madeira non teñan que verse obrigados a pasar por máis controis que os construídos con outro tipo de materiais, algo que dende Agalcari consideran discriminatorio para o sector. A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira está formada por un total de 16 empresas de construción naval en madeira que aínda seguen operativos na actualidade en toda Galicia, sendo a súa principal finalidade a dinamización económica e produtiva da construción naval en madeira e a protección e preservación do seu valor como parte viva do patrimonio marítimo, cultural e etnográfico.