A Deputación dá luz verde á musealización da casa de Rafael Dieste

    RIANXO> Satisfacción no executivo rianxeiro pola achega da Deputación da Coruña que permitirá iniciar as obras de rehabilitación da casa de Rafael Dieste. A partida, aprobada no último pleno da institución provincial, ascende a preto dos 190 mil euros. Un dos soños do executivo rianxeiro, a musealización da casa de Rafael Dieste, na rúa de Abaixo, poderá verse cumprido en breve. O proxecto vén de recibir o pulo definitivo cunha achega da Deputación da Coruña por importe duns 190 mil euros. Achega que se sumará ós máis de 40 mil que pretende investir o concello. Neste caso as dúas partidas irán destinadas ó arranxo interior da vivenda, xa que a reforma exterior do inmoble xa se realizara hai varios anos, grazas a unha subvención do ministerio de Cultura. A musealización da casa do autor de A fiestra baldeira suma un chanzo máis dese proxecto máis ambicioso como é o da Academia Literaria.