Unanimidade na corporación ribeiresa sobre o paro biolóxico no sector do polbo

    RIBEIRA > A corporación municipal de Ribeira vén de celebrar un pleno ordinario para o debate de varias mocións presentadas polos concelleiros municipais. A sesión incluía un total un total de catorce puntos, dos que tan só se chegaron a tratar once.

    Sen dúbida un dos temas máis destacados foi a aprobación cos votos a favor do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e IPdeR dunha moción presentada polo voceiro popular, Manuel Ruíz Rivas, sobre a solicitude á Consellería de Pesca para que manteña un diálogo coas confrarías de pescadores afectadas polo paro biolóxico no sector do polbo. Neste punto os nacionalistas incluiron tamén unha enmenda sobre o plan de recuperación do polbo que se faga coincidir co inicio da campaña da nécora e que se inclúan paros biolóxicos subvencionados, así como que se faga un control máis exhaustivo das importacións para salvagarda-lo mercado propio, que leve aparellado un plan de comercialización que abra novos mercados e incremente os prezos en primeira venda.

    Os populares tamén presentaron outra iniciativa no pleno que foi refrendada tamén polos demais grupos municipais nas que solicitaba a mellora das conexións de saída e entrada da autoestrada, así como a sinalización con Ribeira e co Barbanza. 

    O PP ribeirés tamén presentou outra moción para o seu debate no pleno a través do edil de Cultura, Luciano Fernández, relativa ó texto do proxecto de estatuto básico do empregado público, e que resultou aprobada cos votos a favor dos populares, a abstención de IpdeR, e os votos en contra de BNG e PSOE.

    Os membros do BNG riberés tamén presentaron varias iniciativas que foron debatidas na sesión de onte como a proposta de mellora integral para o lugar de Fondevila. A moción foi rexeitada polo equipo de goberno, xa que o PP entende que actualmente se están a realizar actuacións importantes nesa zona como son obras nas rúas Rodríguez Bautista e Habana, existindo ademais un presuposto de 300 mil euros para acometer obras menores que permitirán a realización de melloras en zonas do extrarradio de Ribeira.

    Dominga Brión tamén presentou outra moción en relación coa solicitude de espazo natural de interés local para as zonas nas que a Xunta pretendía crear os parques de tecnoloxía alimentaria en Couso e Corrubedo. O goberno local entende que esta solicitude pode provocar que os propietarios dos terreos desta zona se vexan limitados se nun futuro se amplía o Plan Xeral de Ordenación Urbana e se modifica para a súa catalogación como solo urbano.

    Esta iniciativa decaeu cos votos en contra do PP, a favor 3 do BNG, e as abstencións de PSOE e IPdeR.

    Na sesión tamén se abordaron de xeito conxunto dúas mocións relativas á área deportiva da Fieiteira, unha presentada pola edil nacionalista Ana Álvarez referida á mellora do pavillón polideportivo e outra polo grupo municipal socialista interesándose polo acondicionamento das instalacións e por sacar a concurso a explotación do complexo deportivo. Tanto unha coma outra foron rexeitadas polo executivo.

    Na sesión plenaria tamén se trataron varias mocións presentadas por Iniciativa Progresista de Ribeira relativas a diversas melloras na zona dos Areeiros e a realización dun plan de saneamento integral para todo o concello que foron aprobadas por unanimidade por tódolos grupos con representación municipal.

    Redacción Barbanza