O IES Nº1 tan só ten vacantes para un cento de alumnos do Coroso

    asembleanumeroun-100.jpgRIBEIRA> Dende o claustro de profesores do IES Nº1 instan a Consellería de Educación a buscar unha solución que non prexudique ó ensino público.

     

    O claustro de profesores de IES nº 1 considera positivo para a comarca a creación dun centro integrado pero rexeitan a suspensión do estudos de ESO e Bacharelato no IES Coroso porque supón un evidente deterioro da calidade do ensino público que vulnera os dereitos dos pais e dos profesores.

    {flowplayer}barbanza/asembleanumeroun.flv{/flowplayer}

    Tamén critican a falta de transparencia e diálogo co que se está a levar a cabo este proceso por parte da Consellería de Educación.

    A directora do centro explicou que segundo os datos aportados pola Inspección Educativa o IES nº 1 só poderá dar cabida a pouco máis dun centenar de alumnos do IES Coroso. Na espera de coñecer os datos definitivos tras a avaliación de setembro, en ESO existen preto de oitenta vacantes e en segundo de Bacharelato o centro podería asumir a chegada de pouco máis de vinte alumnos novos. Onde xa non queda oco é en primeiro de Bacharelato, ó non existir prazas libres. Esixen a Xunta que manteña os ratios por grupos que permitan unha atención individualizada do alumnado para facilitar a convivencia.

    O vindeiro luns, 20 de xuño, as sete e media da tarde está convocada unha asemblea na que se dará cumprida conta a todos os pais das medidas adoptadas pola dirección do centro educativo.

    Redacción Barbanza