Amegrove viaxa a Ourense en busca dun triplete histórico

SALNÉS> Mañá dá comezo en Castrelo de Miño, en Ourense, o Campionato de España de Banco Móvil. Nel estará o equipo cadete de Amegrove Interrías, que este ano xa suma dous títulos nacionais en bateis e banco fixo. Buscan polo tanto facer un triplete histórico, aínda que desta volta non o terán nada sinxelo.

Buscan facer historia. Ós cadetes de Amegrove sóbranlle gañas e forzas para tentar o que ninguén acadou nunca: sumar os títulos nacionais en batel, en banco fixo do Mediterráneo e en banco móvil.

Non o terán sinxelo primeiramente pola modalidade escollida, moi diferente ó remo que están acostumados a facer. O banco móvil nada ten que ver co batel co que estiveron adestrando todo o ano, se ben levan tres semanas preparando a cita cunha embarcación cedida polo Club Remo do Miño. Iso sí contan co aliciente de que competirán nunha modalidade olímpica e unha das máis exixentes, o 8 máis timonel.

Tampouco o terán sinxelo polos seus rivais, rapaces que levan anos de vantaxe ós grovenses en canto a adestramentos se refire. Ademais, como non pode ser doutro xeito, ós nacionais acuden os mellores, neste caso os vascos de Hondarribia, Kirolak e Arriluce Getxo, os andaluces do Guadalquivir 86 e Círculo Labradores de Sevilla e os alicantinos do Mediterráneo. Sete equipos dos cales un quedará fora da final que se celebra o domingo. A ela acceden directamente os dous mellores de cada unha das dúas tandas clasificatorias que se disputan mañá. O resto terá que pelexar polas outras catro prazas na repesca do domingo.

Os remeiros de Amegrove, optimistas, contan con meterse na final xa dende o venres e recuperar de paso para o domingo a un dos seus puntais, Iván Fandiño, que a día de hoxe arrastra problemas nun dos seus pulsos.

Redacción Salnés