Setecentos taekwondistas tomarán parte no Torneo Nacional Unificado ITF Noia

NOIA> A cita, desenvolverase este vindeiro sábado 2 de abril, baixo a organización conxunta do Club ITF Noia e a Sociedade Liceo Noia.

Esta mañá presentábase no concello o Torneo Nacional Unificado de Taekwondo ITF organizado polo Club ITF Noia en colaboración coa Sociedade Liceo Noia baixo a supervisión da Federación Internacional. A cita desenvolverase este vindeiro sábado con dous escenarios diferentes. A partir das dez da mañá e ata as sete e media desenvolveranse as eliminatorias no pavillón municipal Agustín Mourís para posteriormente, entre as oito e as dez, nos locais da Sociedade Liceo, celebrar unha gala de cintos negros.

No torneo tomarán parte preto dos setecentos taekwondistas chegados de diferentes clubs de todo o territorio nacional dende as categorías base ata veteráns. Dende a organización destacaron o alto nivel dos participantes.

A entrada ó torneo será gratuíta. Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración do Concello e tamén das diferentes casas comerciais que fan posible poder celebrar un torneo destas características.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí