![]()
VILAGARCÍA> O club vilagarcián confirmou que formalizará hoxe a súa inscripción en Liga Femenina 2. Anunciou tamén o nome do seu novo técnico, será un home da casa: Pepe Vázquez.
Ía sendo hora de que as cousas lle comezasen a saír ben ó Cortegada. Despois da renuncia do club a saír en Liga Femenina e da marcha do seu presidente, Andrés Quintá, e máximo sustento económico, Extrugasa, o traballo realizado para manter viva á entidade comeza a dar os seus froitos.
E é que o equipo formalizará hoxe a súa inscripción en Liga Femenina 2, algo que ata uns días estaba no aire. Así o confirmou onte á tarde o vicepresidente José Antonio Gorgoso, quen deu a coñecer a presencia dun novo patrocinador que apoia o proxecto deportivo. Un patrocinador do que aínda non se quixo dicir o nome pero que se dará a coñecer a finais desta semana nunha rolda de prensa que pretende facer a nova directiva presidida por Ramón Estévez.
No apartado meramente deportivo este será un ano de borrón e conta nova. A renuncia de Tito Díaz a seguir adestrando ó primeiro equipo forzou ó club a buscar un substituto que xa atopou. Trátase de José Jesús Vázquez Mougán, máis coñecido como Pepe. O xoven técnico santiagués leva xa varias temporadas adestrando ós conxuntos base do Extrugasa e afronta por primeira vez o reto de dirixir a un equipo desta categoría.
Agora tocará confeccionar un novo plantel, algo no que xa se está a traballar dende a dirección deportiva, que busca como primeiras opción atopar unha base, unha aleiro e unha pivot.
Redacción Salnés





