O Supremo desestima o recurso do avogado de Jaime Maiz

    TSMAIZ copia.jpg CAMBADOS> O Alto Tribunal considera que o ex garda civil actuou de forma voluntaria e intencionada cando asasinou á súa ex parella Mari Luz Posse.

    {flowplayer}images/salnes/TS_JAIME_MAIZ.flv{/flowplayer} 

    A Sala do Penal do Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso de casación interposto polo avogado do ex garda civil de Cambados Jaime Maiz, á condena de 19 anos de cadea polo asasinato de Mari Luz Posse. Según figura no auto, o Supremo bota por terra os dous argumentos que alegou a defensa para intentar desmontar a sentenza da Audiencia Provincial: que o ex garda civil actuou baixo os efectos do alcol, ademais de padecer un trastorno mental transitorio.

    O Alto Tribunal considera que Maiz actuou de forma voluntaria e coa intención de acabar coa vida da vítima cando se presentou no cuartel da Garda Civil de Cambados a noite do 16 de decembro do 2007 e lle disparou na fronte. A posible incidencia do alcol, di o Supremo, non interfiriría nesa intención de matar. Ademais, puntualiza a sentenza, existen datos obxectivos de que a tolerancia de Maiz ó alcol era sensiblemente superior ó estandar.

    En canto ó trastorno mental, o Supremo recoñece que existiu, e que o condenado estivera xa baixo tratamento psicoterapéutico, pero que no momento dos feitos xa fora dado de alta, e tanto o médico que tratou ó acusado como o psiquiatra forense que o revisou coincidiron en que doenza curara sen ningún tipo de secuelas. Deste xeito mantense a condena ditada pola Audiencia de Pontevedra despois de que un xurado popular declarase a Maiz culpable dun delito de asasinato en xuño do ano pasado.

    O ex garda civil cumpre actualmente unha pena de 19 anos de cadea na prisión de Monterroso, en Lugo, ademais de ter que abonar indemnizacións por valor de máis de 270.000 euros ós pais, irmáns e fillos de Mari Luz Posse.

    Redacción Salnés