O xaponés Vissel Kobe, o Manchester United ou o Inter de Milán, no Arousa Fútbol 7 de Ribadumia

RIBADUMIA> Ribadumia prepárase para un dos maiores eventos do ano no municipio, o Arousa Fútbol 7. Entre os equipos que se incorporan este ano salienta o Manchester United, que se medirá a outros grandes equipos como o Inter de Milán, o Benfica, o Real Madrid, O Barça e, por suposto,o Celta e o Deportivo. No AF7 tamén estará presente este ano o Vissel Kobe, do Xapón. O torneo terá lugar na fin de semana do 22, 23 e 24 de maio.

De novo o campo da Senra de Ribadumia volve converterse no epicentro do mellor fútbol. Nestas instalacións disputarase unha nova edición do Arousa Fútbol 7 os días 22, 23 e 24 de maio.

Na parte internacional salienta a visita do Vissel Kobe, do Xapón, así como equipos destacados como o Inter de Milan ou o Manchester United, novidade desta edición.

Na parte galega e portuguesa, distintos combinados, como  O Porto, o Sporting Clube de Portugal, o Compostela ou, como non, o Dépor e o Celta.

Un cartel de luxo que pon o fútbol galego no centro do mapa deportivo.

Para o concello, o Arousa Fútbol 7 sitúa Ribadumia no panorama internacional.

Un torneo que conta coa colaboración da Xunta e a Deputación. Ambas administracións coinciden na súa importancia dende o punto de vista económico para Ribadumia e O Salnés.

O Arousa Fútbol 7 contará este ano con Fabio Silva, do Borussia Dortmund, como padriño.Foi máximo goleador na edición deste torneo no 2014 e este ano encargarase da entrega de premios.