O exceso de auga doce provoca unha alta mortaldade na ameixa e berberecho de Carril

VILAGARCÍA> A auga doce procedente do río Ulla está a provocar unha elevada mortaldade da ameixa e do berberecho en Carril. Dende a Confraría carrilexa sinalan directamente ó encoro de Portodemouros: aseguran que en tan só unha semana a presa baleirou 11 hectómetros cúbicos.

Detrás da elevada mortaldade da ameixa e do berberecho na zona de marisqueo de Carril semella haber un claro responsable: o exceso de auga doce. Iso aseguran, cando menos, dende a confraría carrilexa. Segundo explican dende o pósito, o responsable é o encoro de Portodeumouros. Aseguran que en tan só unha semana, a presa aliviou 11 hectómetros cúbicos de auga, un extremo que xa puxeron en coñecemento da Xunta.

Ademais do desaugue do encoro, dende o pósito salientan que a meteoroloxía e as mareas tamén inflúen na salinidade das augas. Os mariscadores láianse das perdas que esta situación lles está a provocar. Agora agardan para poder facer balance dos danos.

Dende o pósito indican que pouco poden facer por salva-lo marisco. Explican que o remedio sería peor que a enfermidade, porque tentar rescatalo tamén suporía a súa morte.

A Confraría conta, así e todo, con que este non sexa o peor dos episodios de baixa salinidade, xa que noutras campañas houbo episodios nas que se produciu a morte do 100% do produto.