![]()
SALNÉS> O BNG do Salnés lamenta que o PP elixira a Gonzalo Durán como presidente da Mancomunidade do Salnés.
Os tres representantes nacionalistas, Xosé Castro Ratón, Carlos Otero e Víctor Caamaño foron os únicos membros da xunta que votaron en contra. O portavoz comarcal do BNG, Xoán Allegue, resalta nun comunicado o ‘carácter autoritario e a falla de visión comarcal’ de Gonzalo Durán. Considera que a Mancomunidade é unha institución ‘menospreciada polo PP sen atender ó papel fundamental que debe ter nestes momentos de recesión económica’.
Advirte que Gonzalo Durán ‘é coñecido polo seu carácter autoritario e os continuos enfrentamentos con municipios da comarca e con sectores tan dinámicos como o comercio’. Allegue entende que coa súa elección ‘queda claro que o PP non pensa no que poida ser mellor para os veciños desta comarca, se non en como aplacar os seus problemas internos’. Para o BNG, ‘queda de manifesto que o PP non ten un proxecto para esta comarca’.
Redacción Salnés










