VILAGARCIA> O festival Revenidas regresa a Vilaxoán adaptado á situación sanitaria pero mantendo a súa esencia. Do 9 ao 12 de setembro máis de 15 artistas actuarán nos diferentes escenarios do evento. O festival mantén as súas raíces con actividades como roteiros pola vila ou actividades de balde na praza de Rafael Pazos.
Un dos poucos festivais que sobreviviu á pandemia foi o de Revenidas. O festival tan vencellado á súa terra de Vilaxoán regresa outro ano máis adaptándose á situación sanitaria pero mantendo a súa esencia. Dende o 9 ao 12 de setembro máis de 15 artistas actuarán nos escenarios de Revenidas.
O festival non poderá contar coa súa tradicional sardiñada nin coa zona de acampada, pero non faltarán as actividades que unen a música, a cultura e a súa vila. Iniciativas como o roteiro por Vilaxoán ou as viaxes en barco pola ría.
Revenidas contará este ano con tres escenarios diferentes. Neles actuarán unha gran variedade de artistas con música en galego e cunha ampla presenza feminina.
O festival estará adaptado para cumprir con todas as garantías sanitarias. Como referencia, o Revenidas aválase na celebración do pasado ano. Unha edición que se presentou con moitas críticas pero que a súa vez foi das pioneiras que demostrou que a cultura é segura.
Adaptándose á situación, o festival só porá a venda 1500 entradas que xa están preto de esgotarse. Ademais o Revenidas tamén se presenta como un festival ecolóxico cumprindo coa axenda 2030 e igualitario, cuxo plan de igualdade elaborarase en colaboración Co soño de Lilith. A presentación do Revenidas estivo a altura do festival con música en directo de Pauliña e unha mostra de arte urbana a cargo do grafitero Ras.