Educación adxudica as obras de remodelación do CEIP Magariños

    ceipmagarinos.jpg CAMBADOS> A primeira fase incluirá a construción do comedor, a ampliación da biblioteca e a reestruturación de catro aulas.

    Cun orzamento de 176. 874 euros, a primeira fase das obras de remodelación do CEIP Antonio Magariños permitirá cubrir unha vella demanda da comunidade educativa do centro: a creación do comedor escolar. A ela sumarase a ampliación da biblioteca, que se complementará coa construción dunha aula polivalente ó seu carón así coma un lucernario para aproveitar a iluminación natural. Segundo figura no proxecto que manexa Educación, os alumnos poderán entrar neste novo espazo directamente, mediante o acondicionamento dun acceso específico. Esta primeira etapa dos traballos culminará coa reforma de catro aulas de primaria, que se reestruturarán para facelas máis funcionais.

    Segundo informan desde Educación, as obras a acometer no centro superarán en total os 376.000 euros. Para vindeiras fases quedará nas melloras do patio de xogos, as aulas de primaria e a pista cuberta.

    No patio levarase a cabo unha substitución do firme, que se cubrirá con formigón coloreado para favorecer a súa limpeza e mantemento á vez que se mellora o illamento térmico e a tracción. A pista cuberta contará cunha protección lateral e dotarase de aseos, ademais de acondicionar o espazo no que se almacena o material deportivo. Por último realizaranse obras de mantemento xeral, como o saneamento dos canalóns de evacuación de augas, ou a construción dunha especie de porche que conecte o colexio coa pista cuberta para que en días de chuvia os nenos poidan acceder sen mollarse.

    Redacción Salnés