O Arosa salda por completo a débeda co plantel da 2008/09

VILAGARCÍA> A directiva presidida por Manuel Abalo saldou onte a débeda que tiña cos xogadores pertencentes ó último plantel na Terceira División. Un paso máis que dá o club arlequinado para sanear as súas arcas por completo.

Nestes momentos de crise semella case imposible crer na recuperación das entidades deportivas, que sufren a carestía económica dun xeito máis acentuado. Sen embargo a directiva do Arosa está a rachar cos moldes establecidos. Onte o seu presidente, Manuel Abalo, informou ós presentes no campo da Lomba, asisitentes ó Trofeo San Roque que disputaron Arosa e Pontevedra, que a débeda que se tiña cos xogadores que conformaron o plantel na 2008/2009, o que descendeu á Preferente, xa está saldada.

Así as cousas, os 55.000 euros que se debían, xa son historia logo de pactar co avogado dos xogadores o pagamento da débeda en catro prazos. O primeiro, de 20.000 euros no pasado mes de setembro, 5.000 máis en decembro, 15.000 en marzo e outros tantos no día de onte. Ambas partes amosáronse satisfeitas polo remate desta situación que deixa ós futbolistas co seu e ó club cunha imaxe máis que positiva diante do mundo do futbol.

Solucionado este problema, a directiva non cesa no seu traballo de sanear por completo as arcas do club. Dos 200.000 euros herdados do mandato de José Manuel Gómez, tan só restan por pagar uns 75.000. As débedas máis importantes agora son co Banco Popular, de 43.000 euros, a firma deportiva Rasán, 13.000, e outros 6.000 euros con Facenda.

No estrictamente deportivo, o Arosa empatou onte co Pontevedra (1-1) no Trofeo San Roque. Os vilagarciáns deron moi boa imaxe diante dos seus e mereceron a victoria, que finalemente levaríase o conxunto granate na quenda de penaltis.

Redacción Salnés