O Grupo Junquera inicia a pretemporada ante o Lobelle B

VILAGARCÍA> O conxunto vilagarcián arranca a súa fase de preparación de cara ó inicio de liga o 10 de setembro. Hoxe ante o Lobelle B presentará seis caras novas, incluída a do adestrador, Marcio.

Primeiro test de pretemporada para o Grupo Junquera que esta noite, a partires das 21:30 mídese en Fontecarmoa ó filial do Lobelle de Santiago. Será a primeira toma de contacto para os de Marcio que se enfrontarán a un rival que militará este ano na súa mesma categoría, Primeira Nacional A.

Será tamén a primeira oportunidade para ver as novas fichaxes en acción, casos de Victor Méndez, Deivid, Pablo Tojo, Pablo Durán e Alex, este último precisamente ex do Lobelle B.

Despois deste, o seguinte test dos vilagarciáns será o sábado, tamén en Fontecarmoa ante o Coruxo, ás 17:30. Segunda proba para o Grupo Junquera que comezará a liga o 10 de setembro na casa ante o campión do ano pasado, o Cidade de Narón.

Redacción Salnés