SALNÉS > Na crónica futbolítica desta fin de semana destacamos os empates acadados tanto polo Céltiga como polo Portonovo nos seus respectivos encontros na casa. A domicilio, o Arousa regresou cunha derrota por 1-0 no campo do Coruxo, mentres que o Vilalonga sumou tres puntos máis cunha goleada, tras rematar en Narón cun marcador de 1-4.
O Portonovo recibiu este domingo ó líder, o Deportivo B. Un partido que rematou con empate a un gol e no que ambos equipos xogaron a non perder. As ocasións de gol brillaron pola súa ausencia e os porteiros a penas tiveron que facer fronte a xogadas de perigo. Os locais inauguraron o marcador nada máis iniciar o encontro. No minuto 1 o centrocampista Bruno executou unha falta que lle colou a Mackay. O gol descentrou ós deportivistas e o Portonovo a piques estivo de aumentar a diferencia pero sen sorte. Tamén os visitantes intentaron sen éxito achegarse á portería de Rafa. Tivo que ser noutra acción a balón parado. Dani sacou unha falta desde fóra da área que aproveitou Dani para meter o un a un. Isto foi no minuto 22 do partido. E a partir de aquí o xogo foi a menos. O líder non foi quen de romper a racha do Portonovo, que leva dez partidos en Baltar sen perder.
O mesmo lle pasa ó Céltiga, que leva nove partidos sen perder no Salvador Otero. Nesta ocasión plantoulle cara a outro dos equipos fortes de terceira, o Laracha, que vai terceiro na clasificación. Os da Illa xa escalaron ata a sexta posición da táboa. Tamén aquí foron os locais os que inauguraron o marcador cun penalti transformado por Silvio no minuto seis. O dominio do Céltiga durou ata o minuto 20, momento no que o Laracha comezou a cercar a portería de Kiko. Pero non foi ata case o minuto 30 cando os visitantes non conseguiron a igualada. Unha perda de balón do Céltiga no medio do campo propiciou un contragolpe do Laracha que aproveitou Iván para marcar. Na segunda metade houbo varias ocasións pero ningunha fructificou.
Redacción Salnés