![]()
VILAGARCÍA> Así o anunciou a conselleira do Mar durante a celebración da Festa da Ameixa de Carril.
{flowplayer}images/salnes/AmeixaCarril.flv{/flowplayer}
A titular de Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta xa está a traballar na elaboración dun decreto que permita reordenar os parques de cultivo de Carril. Un decreto que remate coa aplicación de criterios personalistas. Quintana dixo que a ordenación destas concesións debe facerse segundo criterios científicos que permitan asegurar o futuro da actividade.
A conselleira tamén deixou claro o compromiso da administración de controlar a entrada irregular de ameixa procedente doutros países, e animou ós produtores a continuar traballando con este bivalvo que deixa nas lonxas galegas uns 50 millóns de euros cada ano.
Durante este acto a Orde da Ameixa de Carril nomeou á dama e ó cabaleiro deste ano. A primeira foi a exministra de agricultura e pesca, Elena Espinosa e o segundo o exdirector da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Juan Diego Pérez. O encargado de poñer a nota de humor foi o pregoeiro, Moncho Borrajo que fixo as delicias dos asistentes.
Exitosa degustación
E a pesares da calor, que apenas deu tregua ó longo de toda a mañá, milleiros de veciños e visitantes se achegaron ata Carril para degustar a ameixa. Dende as once e media da mañá formáronse longas colas que ían dende a Alameda ata a Praza da Liberdade, co obxectivo de facerse cunha das 7800 racións de ameixas á mariñeira que se serviron. Acompañadas de pan e viño estye molusco volveu brillar un ano máis, na que é a décimo novena edición desta festa. Repartíronse en total uns 2600 quilos de ameixa, por un prezo de oito euros a ración. Tamén se celebrou, como ven sendo tradición, o concurso de cociña, ó que se presentaron 50 receitas. Finalmente a vencedora foi Ramona Mauta coas súas ameixas á primavera.
Redacción Salnés





