Sanxenxo acóllese aos campamentos de verán da Xunta de Galicia

SANXENXO> Sanxenxo acóllese aos campamentos de verán da xunta de Galicia. Do 6 ao 17 de agosto, 15 mozos estarán na vila coñecendo a comarca e realizando actividades medio ambientais e ecolóxicas. Os campamentos recuperan este ano o seu carácter internacional e no de Sanxenxo haberá prazas para rapaces e rapazas doutros países.

Cada verán son moitas as persoas que se queren achegar a Sanxenxo para gozar de toda súa oferta. Unha maneira diferente de facelo é a través dos campamentos de verán. A vila súmase este ano ao programa de campamentos da Xunta de Galicia. A iniciativa sanxenxina xirará entorno ao coidado do medio ambiente.

No campamento de Sanxenxo haberá 15 prazas para mozos e mozas menores de 30 anos. As súas actividades basearanse en dous piares, o primeiro deles centrarase no respecto ao medio ambiente e na ecoloxía.

O outro dos piares é compartir a información e fomentar a ecoloxía e o medio ambiente co resto de veraneantes. Ademais estes campamentos tamén permiten crear vínculos entre rapaces e rapazas de diferentes zonas, especialmente este ano no que os campamentos volven a contar con prazas para mocidade doutros países.

Ademais das actividades propias do campamento como recoller refugallo das praias e do mar, os mozos e mozas do campamento tamén realizarán actividades de lecer e culturais como visitar os diferentes concellos, a Illa de Cortega ou as adegas do Salnés entre outras iniciativas.