![]()
SANXENXO> Desde Medio Ambiente sosteñen que a instalación permitirá evitar vertidos incontrolados e crear emprego na localidade.
A planta de reciclaxe de residuos das construción e demolición de Sanxenxo atópase situada nas Cerexeiras, Padriñán, a carón do punto limpo. Ocupa un espazo de 9.000 metros cadrados e a súa edificación supuxo ás arcas do concello un investimento de 534.335 euros. Agora a concellería de Medio Ambiente proponse recuperar o expediente da infraestrutura para poñela a punto e que poida comezar a funcionar o antes posible.
Entre as medidas que baralla o departamento que dirixe José Luis Rodríguez está a ampliación de maquinaria e a busca do modelo de explotación máis eficaz, ben a xestión directa por parte da administración local ou externalizar o servizo.
A planta de reciclaxe ten capacidade para recibir unha media de 100 toneladas diarias de refugallo procedente de obras. O lixo transportarase ata o recinto en camións báscula. Unha vez alí separarase en función de se son ou non susceptibles de ser reutilizados. Aqueles materiais reciclables desviaranse á zona de recepción, dotada dunha caseta de control, a báscula onde pesar o lixo e o aparcamento. De aquí pasarán á área de tratamento, onde se separarán os residuos de maior tamaño depositándoos cada un no seu correspondente contedor. É o caso de metais, madeira, vidros, plásticos ou formigón. Os materiais máis pequenos pasarán a unha peneira xiratoria para filtrar o escombro dos finos, que se poderán empregar como recheo de fendas, solo artificial ou base para xardíns.
Ademais desta zona de tratamento, o recinto dispón dun espazo para o almacenamento temporal dos materiais xa separados. Aqueles refugallos que non poidan ser reciclados acumularanse na área de depósito.
Segundo o edil de Medio Ambiente, a entrada en funcionamento desta infraestrutura ‘contribuirá a evitar moitos vertedoiros incontrolados e facilitará o desenvolvemento das súas labores tanto ós autónomos e particulares como ás grandes empresas’. Ademais dos beneficios para o medio ambiente, Rodríguez conclúe que a planta ‘favorecerá a creación de postos de traballo’.
Redacción Salnés







