![]()
RIBADUMIA > Os colleiteiros locais acapararon os premios da 35 edición da Festa do Tinto do Salnés…
… Albino Abal, de Ribadumia foi o gañador en variedades autóctonas e Carmen Núñez, de Leiro, levou o primeiro premio en Tinto de Barrantes.
Miles de persoas achegáronse a Ribadumia o sábado, día central da Festa do Tinto do Salnés. O paseo de autoridades desde o concello ata a carballeira de Barrantes daba por iniciada unha xornada repleta de actividades. Ó mediodía non cabía ninguén na Carballeira. No palco autoridades e membros do xurado participaban na cata final dos caldos que concorreron ós concursos de Tinto de Barrantes e Variedade Autóctona. E mentres, os asistentes participaban na degustación gratuíta de tinto, pan de millo e chourizos amenizados pola música das charangas e da banda.
A nota de humor puxérona os locutores do programa radiofónico Corre Carmela que chove que achegaron ata Barrantes a políticos como Borrel, Bono, Fraga, o mesmo Rei e ata a Duquesa de Alba. Para terminar, o peor cantante do mundo, O Parga cantou e bailou todo o que quixo.
XANTAR CON PREMIOS
E así, cun sorriso na boca a festa continuou no pavillón de Barrantes onde se xuntaron preto de 700 persoas na comida de confraternidade. Os pregoeiros, ou se cadra o tinto de Barrantes, seguiron facendo das súas no xantar, animando ó mesmo presidente da Deputación a arrancarse cun baile. Autoridades e veciños de toda a comarca do Salnés deron boa conta do menú xa habitual desta comida: Polbo, carne e tinto.
Nos postres, a organización deu a coñecer o nome dos colleiteiros gañadores. En tintos o primeiro premio foi para Carmen Núñez, de Lois. Fátima Fontán, de Sisán acadou o segundo, e Susana Mosteiro, de Barrantes logrou o terceiro. Peregrina Reguera, de Meis, Francisco Abuín, de Leiro e José Luis Núñez, de Ribadumia, foron os tres restantes. No certame de autóctonos triunfaron tamén os colleiteiros locais. Albino Abal, de Ribadumia levou o primeiro premio, Luis Abuín, de Leiro foi o segundo. O tercero foi para Daniel Abal, de Ribadumia. Severo Piñeiro, de Vilariño, Bodegas Núñez de Vilanova, e Cristina González, de Corvillón, lograron os 3 restantes.
Redacción Salnés








