Ravella inicia os trámites para contratar o saneamento do río Con

    vertidosconproxecto.jpg VILAGARCÍA> O proxecto das obras céntrase en mellorar os equipos das estacións de bombeo situadas na desembocadura e no parque da Xunqueira.

    {flowplayer}images/salnes/VERTIDOS_CON_PROXECTO.flv{/flowplayer}

    Parece que os problemas de vertidos e contaminación que padece o río do Con están máis preto de solucionarse. Polo menos este é o obxectivo que se marca o goberno de Vilagarcía á hora de poñer en práctica o proxecto redactado polo enxeñeiro municipal para poñer fin ás continuas filtracións de augas residuais no caudal do regato. O documento prevé centrar o groso dos traballos nas dúas estacións de bombeo situadas unha no último tramo do río, tralo edificio do Mercado Municipal, e a outra na ponte do arco de Vista Alegre, no parque da Xunqueira. Nelas procederase a unha revisión e renovación dos equipos que afectarán ás bombas de impulsión da auga, pero tamén se aumentará a capacidade de caudal e a potencia de bombeo, á vez que se colocarán novos cestóns para evitar o filtrado de residuos sólidos que atasquen o sistema.

    Outra das actuacións que se contempla no proxecto ten como fin rematar coa acumulación de augas residuais no depósito, de xeito que non poidan pasar ó aliviadorio e filtrarse finalmente ó río. Para iso, prevese elevar os aliviadoiros a un nivel seguro ó que non poida chegar a crecida do río cando sobe a marea.

    De cara á mellora do sistema, contemplouse tamén a necesidade de instalar cámaras de vixilancia nas canalizacións que discorren parellas ó río para poder detectar posibles puntos de entrada de auga cos que non se contaba ou mesmo conexións ilegais, de xeito que se lles poida buscar unha solución rápida antes de que acaben xerando novos vertidos.

    Esta primeira fase das obras estará financiada cos fondos do Plan Provincial de Cooperación que lle corresponden a Vilagarcía. En total, 114.487 euros. Unha vez rematada, o goberno local prevé iniciar unha segunda fase, xa con fondos propios, nos que se actuará sobre as estacións da avenida de Pontevedra , en Rubiáns, e na avenida Valle Inclán. Estas actuacións foron aprobadas esta mesma semana polo executivo de Tomás Fole, e contarán cun orzamento de 59.000 euros.

    Redacción Salnés