Cambados retoma o Plan Madruga para acoller ‘ós primeiros do cole’

    planmadruga.jpg CAMBADOS> O 12 de setembro abre o prazo para inscribirse neste servizo, que se ofrecerá nos CEIP de Magariños, San Tomé e Castrelo.

    Rematada a ludoteca de verán na Gardería Municipal, o concello de Cambados ten programado xa o inicio do Plan Madruga para que os pais con cativos en horario escolar poidan seguir compatibilizando o seu horario laboral coa educación dos seus fillos. A partir do luns días 12 de setembro, os interesados en participar neste programa poderán presentar as solicitudes correspondentes ata o xoves 29 como data límite.

    Ó igual que o ano pasado, o Plan Madruga desenvolverase nos CEIP de Magariños, San Tomé e Castrelo, aínda que desde o goberno local non descartan amplialo a outros centros se a demanda e volume de usuarios así o fixese preciso. As aulas abrirá ás 7.45 da mañá, e seis monitores, dous por cada centro, encargaranse de ter coidado dos cativos ata a hora de entrada ó colexio, as nove da mañá. Durante este tempo realizarán actividades de motivación, sesións de contacontos e xogos para manter entretidos ós rapaces.

    Este ano o Plan Madruga de Cambados comezará o luns 3 de outubro e manterase durante todo o ano lectivo. Desde o concello agardan igualar ou mesmo superar as 150 inscricións que contaron o curso pasado, e lembran que se trata dun servizo totalmente gratuíto para os pais.

    Redacción Salnés