CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés aposta por facer máis eficiente o subministro de auga dos concellos da comarca. A finais deste ano, o ente porá en marcha dous proxectos de mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable, instalada en Treviscoso. Cun orzamento de 700 mil euros, abaratarán o proceso e farano máis sustentable.
Facer do sistema de abastecemento de auga da Mancomunidade do Salnés un servizo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente. Este é o obxectivo do ambicioso proxecto que porá en marcha o ente comarcal, co que actuará na súa Estación de Tratamento de Auga Potable, ubicada en Treviscoso.
A actuación divídese en dous proxectos que contan coa subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía do Ministerio de Transición Ecolóxica. Ascende a case 700.000 euros, dos que o IDAE achega un 80%.
A implantación desta innovación permitiría unha redución da enerxía empregada e a redución das emisións. Tamén solucionaría a presenza dunha alga que obstrúe as canalizacións comarcais.
Este novo sistema tamén aseguraría o subministro a todos os habitantes da comarca do Salnés, incluso nos momentos de máis consumo que coinciden cos de maior afluenza de turistas. De feito, concellos como Sanxenxo ou O Grove duplican a súa demanda de auga durante o verán.