O Grupo Junquera inicia a liga ante o defensor do título

VILAGARCÍA> O Grupo Junquera inicia este sábado a súa andaina na 2ªB. Por primeira vez en 22 anos de historia, o club vilagarcián militará na categoría de bronce. O seu primeiro rival será o campión do ano pasado, o Cidade de Narón.

O Grupo Junquera comeza a súa andaina este sábado na 2ªB do fútbol sala nacional, a ata o de agora coñecida como 1ªA. Nunca antes o club vilagarcián participou nesta categoría que conta como mellor resultado da súa historia o segundo posto acadado o ano pasado en 1ªB.

O reto é polo tanto maiúsculo para o club, que pretende salvar a categoría para nun futuro afianzarse nela. Por iso sufriu un lavado de cara importante. Se ben o cambio de directiva produciuse o ano pasado, neste verán os trocos afectaron principalmente ó plantel. Poucos continúan; mantívose o bloque compostelán con Gelabert, Ángel, Juancar, e os dous porteiros, Molina e Perico. Buques insignia como Fran, Chini, Jaime ou Alfonso abandonaron o barco este verán.

O equipo reforzouse ben con xogadores de calidade contrastada como Víctor Méndez, Pablo Durán, Deivid ou Pablo Tojo, e coa xuventude de Alex e Moro.

Dirixindo a nave do Junquera, un debutante como adestrador, Marcio, o ano pasado nas filas do Noia como xogador e con pasado en División de Honra. A directiva confía cegamente no traballo do brasileiro non só para salvar a categoría senón para completar unha temporada exitosa.

O primeiro obstáculo que tratarán de superar será o do Cidade de Narón, campión do ano pasado nesta mesma liga. Un conxunto de enorme calidade que volve a partir como favorito ó título. Enfronte terá a ilusión e descaro dun Junquera que buscará debutar con victoria diante da súa afección. O comezo do choque está marcado para as 17:00 do sábado, no pavillón de Fontecarmoa.

Redacción Salnés