A Urban Trail Night de Pontevedra chega este ano a Pasarón

PONTEVEDRA> Unhas 500 persoas xa se inscribiron na segunda edición do Pontevedra Urban Trail Nigth. A cita deportiva trae este ano unha gran novidade: ademais de percorrer os puntos máis emblemáticos da Boa Vila, este ano os corredores terán que acceder ó Estadio de Pasarón para completar un dos treitos da proba.

A segunda edición desta carreira nocturna levará ós seus participantes polos lugares máis emblemáticos da cidade. A proba, que se vai celebrar este sábado a partir das 8, arrancará na Illa das Esculturas e rematará na Praza de Touros. Entremedias, os participantes terán que superar  un treito dentro do Estadio de Pasarón.

Como no 2017, este ano os corredores tamén se terán que enfrontar a un percorrido de 14 quilómetros, a través de distintos tipos de terreos e superficies, mesmo zonas de escaleiras. Como na primeira edición, a filosofía da proba mantense: o importante é que os corredores desfruten da actividade.

Dende o concello, apuntan que este ano –ademais- a proba ten un aliciente especial. A Noite Pirata tamén se vai celebrar este sábado, logo de ter que adiarse por mor do mal tempo.

Na pasada edición da Pontevedra Urban Trail Nigth participaron uns 600 corredores. Para este ano, xa hai inscritos máis de 500 persoas e o prazo de inscrición segue aberto. Poden facerse reservas ata mañá á noite na web urbantrailnight.com.