SALNÉS> Os irmáns Carlos e Antón Paz están a disputar en Helsinki os Campionatos de Europa de 49er. Despois de meterse no Grupo Ouro, os regatistas vilagarciáns avanzaron onte catro posicións na xeral para colocarse no posto 21.
Primeira xornada no Grupo Ouro do Europeo de 49er que estes días estase a celebrar en Helsinki. Onte tíñanse previsto disputar tres mangas, pero a ausencia de vento tan só permitíu que se completasen dúas.
O obxectivo dos Paz non é outro que mellorar posicións, logo de clasificarse para esta derradeira fase no posto 25, o último que daba dereito a estar entre os mellores. Onte puideron dar pasos cara adiante e mellorar a súa clasificación en catro postos, ata ascender ó 21. Na primeira manga do día remataron no posto 17, logo dunha saída na que se quedaron encaixados no centro do campo de regatas e pouco puideron facer.
Moito mellor foilles as cousas na segunda manga, máis cuarta que a anterior. A saída dos regatistas do Liceo foi moi boa e colocáronse no grupo de cabeza, para finalizar cuartos. Hoxe prevíase unha xornada de chuvia e vento en Helsinki o que podería levar á organizacón a adiantar mangas para que se disputen cinco das seis pendentes.
Os Paz tentarán seguir achegándose na xeral ós irmáns Federico e Arturo Alonso, a outra embarcación española na proba, que agora mesmo lle saca 27 puntos ós vilagarciáns, ocupando o duodécimo posto da xeral.
Os novos líderes son os británicos Dylan Fletcher e Alain Sign, que venceron nas dúas probas de onte.
Redacción Salnés