O Cristo Victoria adxudícase a IV Copa do Futuro

futuro250_150610.jpgSALNÉS> Púxose o peche en Vigo á IV Copa do Futuro, un evento promovido pola Deputación de Pontevedra. Os representantes do Salnés que acudiron á cita non tiveron demasiada sorte e quedaron apeados na fase de grupos, agás o Arousa que chegou ós cuartos de final.

O Arousa foi o mellor dos representantes do Salnés na fase final da Copa do Futuro que se celebrou esta pasada fin de semana no campo da Bouza, en Vigo. Os vilagarciáns, accederon ós cuartos de final logo de clasificarse na súa liguiña pero caeron eliminados ante o Balaídos na tanda de penaltis, co que se esfumaron tódalas súas opcións de levarse o título.

O torneo reunía ós 20 conxuntos prebenxamíns que acadaran o seu pase nas roldas previas celebradas durante o último mes e medio en Gondomar, Tui, Ponteareas, Cangas, Ribadumia e Soutomaior.

O triunfo final foi para o Cristo Victoria que sucede deste xeito no palmarés ó Portonovo. O campión deixou para a final o seu mellor futbol e goleou precisamente ó verdugo do Arousa, o Balaídos, por 4-0. O cadro de honra completouno outro conxunto olívico como o Coruxo, que se impuxo na final de consolación ó Alondras.

Polo que respecta ós conxuntos do Salnés que acudiron a esta fase final, ningún foi quen de pasar da liguiña. Céltiga, Umia e Escola de Futbol de Vilanova quedaron apeados nos grupos, ó igual que o Juvenil de Lérez.

Así púxose o peche a unha Copa do Futuro que nesta cuarta edición reuníu a máis de 1.500 rapaces que compartiron días de futbol nos que a competitividade e a deportividade foron da man.

Redacción Salnés