A ILLA> Os mariscadores que non van ó paro cambian de arte, polo que especies como o camarón están a baixar de prezo debido ó exceso de oferta.
{flowplayer}images/salnes/AVANCE_TOXINA.flv{/flowplayer}
A marea vermella está a ampliar o seu radio de acción e ademais de pechar bateas de mexillón e ostra, está chegando ós areais. En confrarías como as do Grove ou A Illa están deixando de extraer especies infaunais, é dicir, aquelas que se crían baixo a area. É o caso da Illa, na que arestora estaban a apañar ameixa rubia e tiveron que parar por mor da toxina.
A marea vermella está a condicionar as rutinas de traballo de moitos mariscadores. Sobre todo daqueles que teñen licenza para dedicarse a varias artes. Poden seguir traballando, si, pero como consecuencia, os prezos dos produtos que colleitan están a baixar no mercado por exceso de oferta.
No caso da confraría da Illa teñen pechadas a maior parte das concesión que quedan na zona insular. Está aberto o territorio máis ó leste, que dá ó continente, pero aquí, como explica o patrón maior, xa traballaron durante os meses de verán. Queda tamén a zona do Bao, que reservan para a campaña de Nadal, co que sobreexplotar estes espazos suporía un risco.
Desde os pósitos continúan recollendo a diario mostras de marisco para levalas a analizar ó Intecmar e coñecer así a evolución da marea vermella e cando comezará a remitir, aínda que polo de agora as previsións non son moi alentadoras.
Redacción Salnés