Meis e a Deputación asinan un convenio para pórlle fin ás inundacións no acceso ao Mosteiro

MEIS> A Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis mellorarán o acceso ó Campo da Feira do Mosteiro. A actuación responde a unha vella demanda dos veciños da zona, fartos das constantes inundacións inverno si, inverno tamén. O proxecto supera os 300.000 euros.

Este treito da estrada de acceso ó Campo da Feira do Mosteiro, en Meis, adoita asolagarse tódolos invernos. Non é raro, incluso, que se corte ó tráfico cando se prevén fortes chuvias.

Para poñer solución a esta situación, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis asinaron esta mañá un convenio que busca dar resposta ás demandas dos veciños da zona.

O proxecto supera os 300.000 euros, dos que o 70% os achega o organismo provincial e o 30, o Concello. Ademais de soluciona-los problemas das enchentes, levarase a cabo unha mellora integral do espazo, cunha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas e mobiliario urbano.

A mellora inclúe tamén a canalización das pluviais, o soterramento das redes de telefonía e electricidade, a renovación de luminarias e a creación dunha contorna segura co obxectivo, din dende a Deputación, de darlle continuidade á actuación feita no Campo da Feira da vila.

O treito obxecto da mellora corresponde coa estrada EP9402 e rolda os 250 metros de lonxitude. Trátase dunha vía con tráfico habitual, ó servir para moitos condutores de acceso á Autovía do Salnés dende o centro da localidade.

O proxecto sairá en breve a licitación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí